A candeloria é
unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela
-ae,
‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín
tardío festa
candelarum,
‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución.
Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo
astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto
entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera,
(pola
candeloria, medio inverno vai fóra),
no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o
estourido de vida que está a chegar.
Sendo
un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que
todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre
festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na
mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg,
celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o
gando e a fecundidade. A candeloria tamén
podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais,
na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade
masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes
zorregaban a xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala”.
O catolicismo procurou rematar coa festa –como fixo con moitas
outras celebracións pagás–; para iso, o papa Xelasio
transformouna na festividade relixiosa da “purificación” da
Virxe María e mais a presentación de Xesús no templo; co paso do
tempo, fíxose costume nas parroquias bendicir as candeas que se
empregarían logo en caso de tronada ou nos velorios para alumear o
defunto no camiño ao máis alá.
A
voda dos paxariños
A
partir da candeloria, ningunha ave voa soa di
o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura
popular, cunha celebración ben especial, xa que casan
os paxariños,
ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian
o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na
imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas
que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión
sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros.
Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de
febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra
doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III,
chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que
anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!
https://portaldaspalabras.gal