EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DO CPI PLURILINGÜE CABO DA AREA DE LAXE

xoves, 2 de febreiro de 2023

CONCURSO DE COPLAS SATÍRICAS

 

O alumnado de ESO foi informado esta semana das bases do I Concurso de coplas satíricas, convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo da Biblioteca.

As bases do certame están expostas no taboleiro de cada aula.

Pódense presentar ata dúas composicións por persoa. O prazo de entrega remata o mércores 15 de febreiro.

ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!

A CANDELORIA

candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra), no momento en que medran os días e a natureza comeza a preparar o estourido de vida que está a chegar.

Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. A candeloria tamén podería estar relacionada coa festa romana das Lupercais, na que, alén de venerar o deus da fertilidade e a sexualidade masculina, Pan, facíase unha procesión onde os participantes zorregaban a xente cunhas tiras de coiro, co obxecto de “purificala”. O catolicismo procurou rematar coa festa –como fixo con moitas outras celebracións pagás–; para iso, o papa Xelasio transformouna na festividade relixiosa da “purificación” da Virxe María e mais a presentación de Xesús no templo; co paso do tempo, fíxose costume nas parroquias bendicir as candeas que se empregarían logo en caso de tronada ou nos velorios para alumear o defunto no camiño ao máis alá.

A voda dos paxariños

A partir da candeloria, ningunha ave voa soa di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!

https://portaldaspalabras.gal



CORREO DO AMOR E DA AMIZADE

Durante a última semana de xaneiro o EDLG e o Equipo da biblioteca expuxeron unha selección de poemas de amor e amizade nun recuncho da biblioteca, xunto á caixa do correo do amor.
Os alumnos e alumnas da ESO puideron ler os poemas e elixir un para enviárllelo a outros/as compañeiros/as.

Iria e Enma, alumnas de 3º ESO, foron as encargadas de repartir os sobres cos poemas o día da Candeloria, o 2 de febreiro.


luns, 30 de xaneiro de 2023

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

O 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz coa actividade "PULSEIRAS POLA PAZ". O alumnado de todas as etapas do centro fixo pulseiras para intercambialas cunha compañeira ou cun compañeiro. Nelas escribiu unha ou varias palabras a prol da paz.

Pulseiras elaboradas polo alumnado de 3º de primaria

Alumnado de 2º ESO


Neste día tamén se conmemora o aniversario da morte de Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.


Mahatma Ghandi: "Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño".


xoves, 12 de xaneiro de 2023

SAÍDA DIDÁCTICA A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O 10 de xaneiro o alumnado de ESO realizou unha visita didáctica a Santiago de Compostela.

Primeiro, os alumnos e as alumnas visitaron a libraría Couceiro. Alí, unha das donas ensinoulles como se restauran libros antigos.



A seguir, visitaron o Panteón de Galegos Ilustres. Diante da tumba de Rosalía de Castro leron poemas de Cantares gallegos e Follas novas. Ademais, realizaron unha ofrenda floral.









No Museo do Pobo Galego fixeron un xogo.

Por último, visitaron a Cidade da Cultura. Alí, un guía explicoulles como era o lugar e como se construíu.





CALENDARIO CIENTÍFICO ESCOLAR


O calendario científico escolar 2023 é un proxecto do IGM que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), adscrita ao Ministerio de Ciencia e Innovación.

martes, 20 de decembro de 2022

mércores, 14 de decembro de 2022

SESIÓN DE NARRACIÓN ORAL CON CAXOTO

O alumnado de 3º ESO e 4º ESO asistiu na biblioteca do centro á función "Micromachista, eu???" do contacontos Caxoto.


Caxoto relatou varios contos cos que traballou a igualdade de xénero e mantivo a atención do noso alumnado desde o inicio.


venres, 9 de decembro de 2022

II CONCURSO DE CARTAS AO APALPADOR

 

 
Gañaron o  II Concurso de cartas ao Apalpador: 

CATEGORÍA A: Luca Súarez Busto (5º educación infantil).

CATEGORÍA B: Carmen Toja Serapio (2º educación primaria).

CATEGORÍA C: Elena Sampedro Vázquez (5º educación primaria).

CATEGORÍA D:  Ainara Cundíns Pérez (1º ESO).


Ainara Cundíns Pérez


PARABÉNS!

CHARLA DA ASOCIACIÓN O SON DAS VARAS

Teresa e Alfonso da asociación O Son das Varas de Ponteceso deron unha charla ao alumnado de 1º e 2º ESO sobre o oficio tradicional de ceste...