A lingua materna é aquela en que os nenos e as nenas aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
A UNESCO lémbranos que «os idiomas, coa súa complexa imbricación coa identidade, a comunicación, a integración social, a educación e o desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta. Con todo, a causa dos procesos de globalización, pesa sobre as linguas unha ameaza cada vez maior de extinguirse (...). Coa extinción dos idiomas mingua tamén a rica urda da diversidade cultural. Pérdense posibilidades, tradicións, lembranzas, modalidades únicas de pensamento e de expresión; recursos valiosos e necesarios para lograr un futuro mellor. (...) Afortunadamente, e grazas a que se asumiu a importancia que teñen estas linguas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada na lingua materna, en particular na educación primaria. Así mesmo, hai un compromiso cada vez maior para que se desenvolvan na vida pública. As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible. Por iso, debemos coidar de todas as linguas”.
https://www.lingua.gal/
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.