Florencio Manuel Delgado Gurriarán naceu en Córgomo de Valdeorras o día 27 de agosto de 1903. Era o menor de cinco irmáns. Viviu en Córgomo ata os seis anos en que marcha a Ourense e ós dez a Palencia. Nesta última cidade estudou o bacharelato e a carreira de Dereito en Valladolid.
No ano 1928 volveu vivir a Córgomo, comezando a traballar como pasante no bufete do avogado Segudo Trincado. Da personalidade de Florencio, do seu compromiso coa súa terra, fala o feito de que se integrase plenamente cando regresou á súa aldea, e iso que levaba case toda a vida fóra. É un aspecto que salienta Ricardo Gurriarán no seu libro Florencio Delgado Gurriarán (Ediciós do Castro, Sada, 1999). Florencio participaba en tódalas actividades que se organizaban na aldea (de moitas delas era el o organizador). Gustáballe a música e posuía unha voz que destacaba en tódalas festas e esmorgas que facían os mozos de Córgomo, e iso que este lugar sempre gozou dunha merecida fama de bos cantantes.
O compromiso e apego á súa terra levouno a vincularse ás Irmandades da Fala, ó Partido Galeguista e ó Partido Nacionalista Republicano de Ourense. Coa Guerra Civil tivo que exiliarse en México en 1939, tras pasar antes por Portugal e Francia.
En México dirixe as revistas "Saudade" e "Vieiros"(1959).
Volveu a Galicia en 1968, 1976 e en 1981(para ser pregoeiro das festas do Cristo, tomar posesión como Membro de Mérito do IEV). Estas visitas nunca foron definitivas xa que sempre terminaba regresando a México.
O día 14 de maio de 1987, cando tiña 84 anos, morría en California. As súas cinzas foron trasladadas ó seu Córgomo natal.
http://www.edu.xunta.gal/portal/node/35457
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.